top of page
  • Foto del escritorArteAldea

Artealdea: arte e espectáculo no rural

Actualizado: 6 mar 2020


Por Antón Fernández | Covelo

13/08/2011



Festas gastronómicas, recreacións históricas, macroconcertos (mesmo en época de crise), mostras de teatro, romaxes ludico-relixiosas,... e agora tamén cabaré multidisciplinar no máis profundo do rural galego.


 

Non é doado definir en que consiste Artealdea. Podemos comezar pola propia definición que dan os seus promotores: a promoción da arte e a cultura no medio rural. Todo xurdiu do maxín de Luís Alberto García, “Gigi”, artista polifacético con inquedanzas que van dende a pintura, a cerámica e o teatro que practicou no seu Bilbo natal, ata a lírica, a danza, a moda, o cine e a publicidade da súa etapa actual en Madrid. Como chega a mercar unha pequena construcción nunha pequena parroquia do concello de Covelo xa é un misterio. O caso é que “Gigi” pasa os veráns en San Xoán de Piñeiro dende hai anos onde, segundo o padrón municipal, están censados só 136 veciños.





En 2007 Luís Alberto García decide trasladar a este pequeno recuncho galego as amizades do mundo da arte e o espectáculo de Madrid e Euskadi creando o I Festival das Artes escénicas e tradición popular, Artealdea. Sen moitos recursos reedita a experiencia cada ano contando con colaboradores e artistas de todo tipo que participan de balde. Co soporte dunha asocición cultural sen ánimo de lucro, da que é presidente, e os propios veciños e veciñas o milagre transforma cada ano a Piñeiro no centro artístico da comarca.



O festival

Asistir a unha velada de Artealdea só esixe un vehículo privado e un bó mapa coas estradas  secundarias de Pontevedra. Na propia finca de “Gigi” sitúase o escenario e o patio de butacas. Nesta edición 2011, a quinta, habilitaron unha plataforma de madeira apta para, polo menos, corenta persoas. O programa importa pouco, sempre vai ser interesante. Para os que asistimos a algunha das sesións que se celebraron do 30 de xullo ao 7 agosto foi segura a sorpresa ao atoparmos actuacións tan curiosas como un espectáculo de Bolliwood, folclore alicantino, gospel, danza, txalaparta, flamenco ou de pandereteiras galegas. De cara ao ano que ven unha suxerencia: maior presenza da lingua e cultura galegas. Polo público asistente non vai ser.

90 visualizaciones0 comentarios

Comments


bottom of page